domingo, 9 de novembro de 2014

A Música Popular por Castelao.

Dixo Tolstoi que dende a Idade Media as clases altas da sociedade viviron sen arte propio, e que só o pobo seguiu gozando dun arte propio, e que só o pobo seguiu gozando dun arte verdadeiro, que responde a súa concepción da vida. Isto parece escrito adrede para Galiza, pois mentres os señoritos alleeiros vivían espiritualmente de prestado, o pobo galego seguiu creando arte e sabedoría.
Velaí están os refráns, algúns tan sabios como este, que quero ofrecer a vosa consideración de revolucionarios, porque é todo un tratado de economía: « Malia o dente que come a semente ». Velaí están  os nosos cantares, a rever tenrura e malicia, para competiren en beleza cos cancioneiros de calquera outro país do mundo.Velaí están os hórreos, para demostraren o sentido galego das fermosas proporcións. Velaí está a nosa escultura popular nos cruceiros, nas fontes e nos portalóns. E velaí está, destacándose sobre da inmensa riqueza folclórica da Galiza, a nosa música popular e os nosos bailes e danzas populares. Os musicólogos poden lucir a súa erudición discutindo a procedencia ou non procedencia árabe da nosa música popular e as relacións de parentesco que poida ter coa de outros países afastados; mais ninguén discute o seu carácter nacional », porque existe unha « música galeg » de extraordinario valor artístico.

Sempre en Galiza, 1944

Sem comentários:

Enviar um comentário